O ALCALDE DE ORTIGUEIRA DI QUE A FLOR DE HONRA QUE RECIBIU O CONCELLO É UN EMPUXÓN PARA SEGUIR TRABALLANDO NA CALIDADE DE VIDA DO RURAL

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, considerou a Flor de Honra recibida onte polo Concello no marco do proxecto Vilas en Flor como un estímulo para seguir a traballar no coidado do contorno local “pois só así poderemos falar de calidade de vida específica e propia do rural”.

Muras felicitou á Escola Galega da Paisaxe, promotora desta iniciativa, e ao director da mesma por ter dirixido o certame a municipios pequenos “tan necesitados de empurróns positivos como estes”, así como ao resto dos concellos premiados nesta primeira convocatoria, na que Chantada e Allariz acadaron o maior número de Flores de Honra (cinco cada un).

Na súa intervención, o alcalde ortegano fixo referencia aos problemas derivados da escaseza de recursos que padecen os concellos pequenos para prestar servizos a unha poboación moi diseminada. Engadiu tamén que o necesario investimento por parte da administración local no coidado do contorno ten que vir acompañado da concienciación da poboación. A Flor de Honra recibida onte, dixo Muras, ocupará un lugar destacado na Casa do Concello de Ortigueira.

2018-11-07T10:17:15+00:00