Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O ALCALDE DE ORTIGUEIRA PROPÓN Á XUNTA A AMPLIACIÓN DO ESPAZO DE CIRCULACIÓN DE COCHES E AUTOBUSES ARREDOR DO CEIP JOSÉ MARÍA LAGE

A idea é derrubar un ou dous edificios próximos que se atopan deteriorados e non cumpren a súa función, para levar a cabo unha actuación que evitará os colapsos actuais e para construír unha pequena praza. Muras destaca o compromiso co centro escolar, ao que este ano xa se destinan 367.000 euros

O alcalde de Ortigueira, Juan Penabad Muras, reuniuse onte co xefe territorial de Educación na provincia da Coruña, Indalecio Cabana, para lle trasladar unha serie de propostas de actuación relacionadas coa mellora da contorna do CEIP José María Lage e no propio acceso ao centro escolar. Segundo explicou o alcalde unha vez rematada a entrevista, trátase de solucionar os colapsos de tráfico que se producen na actualidade ás horas de entrada e saída do colexio, por mor dos numerosos autobuses -arredor dunha decena- e vehículos particulares de profesores e pais e nais de alumnos que coinciden nun espazo que, na actualidade, é moi reducido. Muras lembrou que nas inmediacións do José María Lage hai tres edificios de vivendas que no seu día, nos anos 70 do século pasado, foron destinados a residencia do profesorado. Hoxé só un cumpre en certo modo esta función, mentres que os outros dous atópanse nun estado de avanzado deterioro.

A proposta que levou o alcalde, consensuada coa dirección do centro escolar, pasa por que a Xunta aprobe a desafección dun ou dos dous bloques de vivendas para derrubalos e ampliar o espazo destinado á circulación de coches e aparcamento de autobuses, así como para construír unha pequena praza. A iniciativa xa está deseñada sobre planos que hoxe foron entregados ao xefe territorial de Educación.

Desta intervención non só se beneficiarían quen acoden ao colexio senón tamén os usuarios da Escola de Música, a biblioteca e a galescola, situados nas proximidades, así como os veciños da zona en xeral, destacou Muras, que subliñou tamén a boa disposición de Indalecio Cabana e do técnico que o acompañaba no encontro.

O goberno municipal continúa así coa xestión de recursos para o CEIP José María Lage, un centro que se atopaba “completamente abandonado”, segundo o alcalde, e que este ano recibirá xa un investimento de 367.000 euros, sen incluír o proxecto presentado hoxe ao xefe territorial de Educación. Nestes momentos está a piques de rematar a intervención de renovación da carpintería exterior do centro, para a que se xestionaron desde o Concello 150.000 euros da Xunta. A estes cartos engadiranse outros 60.000 euros para corrixir algunhas deficiencias nas paredes que foron detectadas precisamente cando se realizaban as obras de carpintería.

Unha vez rematados estes traballos darán comezo outros que pagará o propio Concello con fondos do Plan de Obras e Servizos da Deputación. Consistirán no acondicionamento do ximnasio cunha nova pavimentación, tarefas de pintado a impermeabilización da cuberta e na realización de actuacións para mellorar a seguridade do alumnado relacionadas coa instalación eléctrica, alumeado de emerxencia, dotación de extintores e sinalización e ampliación das vías de evacuación. Estas obras suporán un investimento de 117.000 euros.

A estas intervencións engádese a xa adxudicada no pavillón polideportivo, que utiliza o centro escolar e que tamén presta servizo á poboación en xeral. Neste caso o custo é de 40.000 euros e as obras terán como obxectivo evitar a entrada de auga nas instalacións con melloras na cuberta, o cerramento exterior, a carpintería e o acristalamento.

O alcalde insistiu na necesidade de continuar dando prioridade aos investimentos no CEIP José María Lage e, con este motivo, outra das propostas que presentou ao xefe territorial de Educación foi facer “unha entrada máis digna”, con melloras no pavimento e tamén no pintado exterior e interior do centro. Estas intervencións terianse que completar, na opinión do goberno, coa construción de dúas novas saídas de emerxencia no edificio para adaptalo ás esixencias actuais, xa que se trata dun inmoble antigo, e coa habilitación da zona de parque infantil do recinto escolar na parte traseira, cara ao ximnasio, un tema que xa se falou coa directora.

En todas estas cuestións houbo coincidencia co representante da Xunta, afirmou Muras, porque se trata de “satisfacer necesidades que ten o colexio e ás que hai que dar saída canto antes”. Asegurou que se trata de paliar os anos de abandono anteriores porque co colexio non recibiu ningún tipo de investimento serio e as cousas que se fixeron, como o parque infantil, supuxeron un gasto de cartos que “non se ve onde está”.

Back to top