O CONCELLO ORGANIZA UN CURSO SOBRE PRIMEIROS AUXILIOS E USO DA MEDICACIÓN

O Concello de Ortigueira ten aberto o prazo de inscrición para tomar parte no curso sobre “Primeiros auxilios e uso da medicación” que se celebrará o vindeiro día 4 de xuño no centro de participación social de San Roque, en horario de 16.30 a 20.30 horas. Hai 25 prazas dispoñibles e os interesados/as terán que se apuntar no CIM (Servizos Sociais).

A actividade formativa está dirixida a pacientes e os seus familiares, coidadores/as e cidadanía en xeral e será impartido polos médicos Fernando Souto Mata e María Montserrat Orona Naya. Os participantes recibirán información básica sobre como manexar situacións que necesiten primeiros auxilios e poderán aclarar as súas dúbidas sobre este tema e sobre o manexo da medicación.

Explicarase aos asistentes como chamar ao 061, que asistencia inicial se pode prestar nun caso de traumatismo (feridas e hemorraxias), nunha crise epiléptica, en casos de dificultade respiratoria ou dor torácica, queimaduras, pérdidas de coñecemento, picaduras, reaccións alérxicas ou diabetes e as manobras básicas de resucitación cardiopulmonar que hai que practicar diante de atragantamentos, por exemplo.

Os inscritos recibirán un certificado de asistencia.

Prevención de riscos laborais

Por outra banda, no mesmo centro de participación de San Roque comezará o vindeiro día 21 de maio un curso de prevención de riscos laborais no que se explicarán os contidos da lei aplicados ao convenio da construción. Prolongarase ata o 1 de xuño, en horario de 8.30 a 14.30, cunha duración total de 60 horas.

2018-05-16T16:22:09+00:00