Skip to content Skip to main navigation Skip to footer

O PROXECTO “CON VOZ DE MULLER” RECUPERARÁ O PAPEL DAS MULLERES NA HISTORIA DO MUNICIPIO

A experiencia, que comeza nas parroquias de San Claudio e Loiba, chegará a todas as do Concello para dar a coñecer o valor social das mulleres na vida comunitaria e empoderar ás participantes.

O Centro de Información á Muller do Concello de Ortigueira está a desenvolver o proxecto “Con voz de muller” para recuperar a memoria histórica contada desde o punto de vista das mulleres e para levar a cabo un proceso de empoderamento, recoñecendo o labor do colectivo feminino nas parroquias do municipio. Trátase dunha iniciativa que se levará a tódalas parroquias e que empezará polas de San Claudio, onde xa houbo unha primeira sesión, e Loiba, onde dará comezo o vindeiro venres 18, o mesmo día no que será a segunda reunión en San Claudio.

En total haberá tres xuntanzas en cada lugar, de tres horas de duración cada unha, como proxecto piloto que despois se exportará ao resto das parroquias do concello, xa que a idea é que todas elas formen parte do mesmo.

As participantes aportarán coa súa propia voz as experiencias que servirán para recuperar e dar a coñecer o valor social que as mulleres foron xerando á vida comunitaria e á historia do lugar onde viven. A través do proxecto farase unha viaxe desde a nenez das participantes ata a actualidade recompilando fotografías, cartas, obxectos, anécdotas… todo aquilo que contribúa a ir traballando sobre as súas vidas. O espazo que ocupaban, as actividades que desenvolvían, os aspectos da súa contorna nas que actuaron como axentes de cambio son algúns dos temas que se tratarán nesta iniciativa. O obxectivo é organizar con todo este material unha exposición e realizar unha publicación para presentalas o día 15 de outubro, coincidindo co Día da Muller Rural.

As persoas interesadas en ter máis información pódense dirixir ao CIM a través do número de teléfono 981 40 25 42.

Back to top