UNHA GALA DE POESÍA E MÚSICA E UN CONCERTO DE ROCK PARA CELEBRAR O DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 

O Concello organiza as actividades o día 16 en colaboración coa asociación Galioart / O martes 15 haberá unha sesión de contacontos e o sábado 19 un concerto da Banda de Música de Ortigueira.

O Concello de Ortigueira celebrará o Día das Letras Galegas o vindeiro 16 de maio, mércores, en colaboración coa asociación cultural Galioart. A partir das oito da tarde celebrarase no Teatro de Beneficencia unha Gala de Poesía e Música na que rapaces e rapazas da Escola de Música recitarán poesías con acompañamento musical, tamén a cargo do alumnado do centro.

Non serán os únicos protagonistas deste festival, xa que algúns veciños de Ortigueira lerán poemas en galego, entre outros da homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas, María Victoria Moreno Márquez. A gala será presentada pola concelleira de Cultura, Vanesa Trevín, e contará como invitadas coa poeta ferrolá Amelia de Querol, que recitará algúns dos seus versos, e a música Julia Dopico. Actuará ademáis a Coral Polifónica de Ortigueira e entregaranse os premios do IV Concurso de Poesía en Galego organizado por Galioart.

As actividades continuarán ás 22.00 horas na praza Isabel II cun concerto de rock no que actuarán os grupos orteganos “Marthirio” e “Anacoretas en el exilio”.
Un día antes deste acto central, o martes 15, e dentro tamén da programación das Letras Galegas, haberá unha sesión de contacontos na biblioteca municipal a cargo de Fátima Fernández, que a partir das 17.30 narrará os “Contos da nai da miña nai”. Por último, o sábado 19 ás 19.00 horas haberá un concerto da Banda de Música de Ortigueira no Teatro de Beneficencia.
Durante todo o mes móstrase na biblioteca municipal unha exposición bibliográfica sobre María Victoria Moreno.

2018-05-10T15:28:19+00:00